
Celsa Barja,
laxas de vida escritas

Limiar
Entre a voz e o eco non hai interrogacións e o propiciatorio atopa os seus atallos. A voz é a chama que se eleva sobre a paisaxe de po entre as raíces sustentadoras do silencio. O seu eco é o gabán tecido con pegadas inmemoriais para dar acubillo póstumo á palabra que agonizando se vivifica.
Voz e eco para traspasar o espello da lembranza entrañal, para embeber a alma na caverna placentaria e libar o sangue máis secreto e arcaico da palabra, na escura humidade, dominio ou submisión ante os terrores, coas censuras, os desexos, ata que o signo se enxerga como un preludio na súa respiración, fíltrase poro a poro e vólvese verbo palpatorio. "Nunca terei sido máis eu mesma que cando na boca me xerminaba con acougo o baleiro falador, lonxe aínda e ao mellor dende sempre da visible suor da visibilidade auditiva. Aquí, a soidade toca o timbre da súa vella casa. Dentro a dimensión que busco, onde se conxuga deserto e pole, medula e plasma, a maxia dun monólogo indicible no fondo asimilable, na vibración sonora rebandada á expresión de todo hermético inicio..."



